Benvidos á Festa do Polbo de Mugardos

A Festa do Polbo de Mugardos foi declarada Festa de Interese Turístico pola Xunta de Galicia. A partir dese momento sempre se celebra o segundo sábado do mes de Xullo.

A festa do produto máis típico de Mugardos celébrase no Parque da Constitución durante todo o día, no que a xente pode degustar o Polbo á Mugardesa, ademais de divertirse coas charangas.

O misterioso encanto do Polbo á Mugardesa

Se algo destaca na cociña mugardesa é a calidade, variedade e riqueza dos produtos do mar, cociñados de forma familiar, artesanal e pausada, que ten como resultado pratos deliciosos. De feito, a gastronomía é un dos principais encantos para as/os turistas que aquí se achegan.

A frota pesqueira da zona, adicada desde tempo inmemorial á pesca da sardiña para salazón e á captura do polbo, entre outros, mantén esta tradición e segue proporcionando gran variedade de peixes, crustáceos e moluscos que constitúe o polo de atracción de xentes de dentro e fóra da comarca durante todo o ano.

Pero se hai un protagonista absoluto na gastronomía de Mugardos, este é o polbo, ocupación tradicional dos mugardeses, tal e como se reflexa no cantar popular:

"os da Graña son cintores; os da Redonda canteiros;
os de Cervás labradores e os de Mugardos, pulpeiros"

A captura deste cefalópodo foi a adicación case exclusiva durante décadas, xa que, xunto co Grove, poboación da ría de Arousa, era o máis solicitado nas feiras do interior de Galicia.

O segredo da receita do Polbo á Mugardesa

Mugardos ademais é coñecido na cociña galega e internacional por idear un prato propio de moi sinxela elaboración: o Polbo á Mugardesa. Cada casa, cada familia, cada cociñeiro ou cociñeira afirma posuír a mellor receita, por suposto, a todos e todas lla fixo chegar unha señora vellísima, quen xa morreu hai anos, revelándolles o seu segredo xusto antes de morrer. Sen valorar a certeza destas historias e sen entrar en discusión sobre cal é a mellor das receitas, podemos afirmar que os pasos básicos a seguir para a súa elaboración son os seguintes:

  1. Mázase o polbo

  2. Ponse en agua a ferver (preferiblemente de mar)

  3. Cando esta chega ao punto de ebulición, "asústase" o cefalópodo introducíndoo tres veces na pota, suxeitándoo pola cabeza, para que quede máis tenro

  4. Nunha tixola faise o refrito de aceite, cebola e pimentón doce

  5. Engádense as talladas de polbo

  6. Acompáñase con "cachelos"