Que visitar

LUGARES CON ENCANTO

Bañado pola ría, o municipio de Mugardos posúe un profundo sabor a mar. O relevo é ondulado e bastante baixo, típico de costa, formando paisaxes preciosas e pintorescas. A súa ría conforma un espazo ideal para o marisqueo polo seu fondo de areas e limo.

Todo o territorio mugardés enmárcase nunha franxa costeira onde se atopan diferentes enseadas - O Baño, A Barca, Santa Lucía, O Seixo - puntas - Redonda, Peteiro, Ratón, Leiras, Promontoiro e O Seixo -, e a praia da Bestarruza. Por iso é imposible falar de Mugardos e non do mar.

Un dos seus principais atractivos radica no conxunto formado pola vila e o porto, coas súas vistas á ría. Podemos iniciar o paseo dunha forma peculiar, facendo a viaxe duns 10 minutos desde Ferrol, gozando da paisaxe e da brisa mariña. Dende o mar tense unha perpectiva descoñecida da espectacular entrada da ría, cos castelos da Palma e de San Felipe enfrontados.

Chegamos entón ao delicioso e concurridísimo paseo marítimo, onde se desprega unha grande actividade relacionada co mar (calafateado, maza do polbo, limpeza do peixe...).  Partindo desde a Casa do Reloxio, sede da Cofradía de Pescadores e Oficina de Turismo, encontraremos as casas de balcóns corridos tan típicas da costa coruñesa, algunhas delas con galería, que acentúan o encanto de Mugardos como vila mariñeira. Este espazo denomínase Cantón da Mariña, xusto ata o monumento á Áncora, na rotonda de subida ao centro urbano.

A partir de aquí, entraríamos no que se chama Cantón de Cora, que se estende ata o acceso á praia da Bestarruza. Entre os dous cantóns, encontraremos a Fonte do Loureiro, e recordaremos a lenda segundo a cal todo aquel que bebese da súa auga casaría cunha muller de Mugardos.

O paseo bríndanos, ademais, a posibilidade de degustar, en calquera dos mesóns, que se suceden un tras outro, o famoso polbo á mugardesa, á galega, en empanada... en calquera das súas variantes fai as delicias dos moitos turistas que se achegan cada fin de semana.

Despois de repor forzas val a pena continuar o cómodo paseo polo porto ata a acolledora praia da Bestarruza, moi resgardada e de augas tranquilas, onde aínda podemos observar as ruínas da antiga Fábrica de Salazón, do século XVIII.

A enseada do Baño, encontrarémola en dirección ao Castelo da Palma, a través dun agradable paseo rodeado de árbores e unhas inmellorables vistas, no lugar das Mareas. Pasado o Pazo do Baño e  a ponte sobre o río Esteiro, podemos tomar o desvío a man dereita, que nos levará polo Camiño Vello, ao lugar da Redonda, co seu pintoresco faro e cunha pequena enseada onde poderemos ver ás mulleres mariscando.

Se seguimos a estrada gozaremos dunha imaxe grandiosa co Castelo da Palma e o de San Felipe e a estreita e espectacular boca da ría. A escasos metros do Castelo da Palma está situada a gran rocha circular coñecida como "Cú da raíña", en memoria do desembarco de Mariana de Neoburgo, cando viaxaba para reunirse co seu futuro esposo o rei Carlos II.

A panorámica é inmellorable se continuamos ata o Monte da Bailadora, a uns 265 metros sobre o nivel do mar, de especial interese natural. No cumio consérvanse restos de antigas baterías militares. Desde alí a imaxe das rías é dunha fermosura incomparable, digna da mellor postal.

A Enseada da Barca é outro dos espazos de interese natural. A esta enseada chégase a través de itinerarios nos que a natureza exhuberante e o mar son elementos omnipresentes, agasallándonos con mil clases de brillos e tons. Neste espazo extráese a mellor ameixa da ría.

A visión das mariscadoras reflexadas nas fértiles augas das que obteñen o prezado froito é irrepetible, enmarcadas por un dos conxuntos mariñeiros máis pintorescos do territorio: O Seixo; o seu porto de decoradas e coloristas casas con fiestras e balcóns de brillantes cores, algunhas con embarcadeiros, xunto con sintuosas mansións modernistas e indianas forman un conxunto arquitectónico único.

ARQUITECTURA

Mugardos ofrece moitas posibilidades aos visitantes, as súas orixes mariñeiras danlle un carácter especial. Ademais tamén podemos atopar mostras de arquitectura indiana, militar e relixiosa.

Arquitectura Indiana

A vila mariñeira do Seixo é un dos mellores exemplos de Galicia para gozar da arquitectura indiana. As orixes deste tipo de construcións remóntanse a finais do século XIX e comezos do XX, cando regresaron aqueles emigrantes das Américas que fixeron fortuna e promoveron iniciativas que axudaron a mellorar as condicións de vida dos seus veciños.

Así, levantaron escolas, pontes, lavadoiros, casinos e vivendas que imitaban modelos arquitectónicos dos países de acollida. É o caso do Casino Progreso, de Franza, de estilo modernista, ou o Grupo Escolar Francisco Vizoso, a escasos metros do anterior con pranta rectangular, vanos de distintas formas e un corpo central con dous balcóns.

O Chalé de Esperante, de finais do XIX, no centro do Seixo, destaca pola súa cuberta a oito augas, tipo chalé alpino e a súa decoración a base de ladrillo e madeira traballada a modo de encaixe. Finalmente, e tamén no Seixo, a casa Montero Cabana, de 1925, consta de tres alturas e nela sobresae a bufarda da cuberta.

Arquitectura Militar

Polo que se refire á arquitectura militar, o Castelo da Palma é, sen dúbida, un dos grandes atractivos de Mugardos, tanto polas súas características arquitectónicas como polos episodios históricos que protagonizou xunto co Castelo de San Felipe, na outra beira da ría, e polo entorno natural no que se ubica.

Construído en 1597 e reformado en 1869, atópase ao final da estrada C-122, despois de contornear a bonita enseada do Baño e atravesar a aldea da Redonda.

Xunto co Castelo de San Felipe, no lado oposto, a escasa distancia, xogou un papel defensivo fundamental en varios episodios bélicos cando, a partir do século XVI, as condicións da protexida ría, chama a atención da Coroa, que a converte en estratéxica, pasando a ser a cidade de Ferrol capital do Departamento Militar do Norte e lugar de ubicación dos Asteleiros Reais e do Arsenal Militar.

Desde estes dous castelos controlábase, xunto co desaparecido castelo de San Martiño, todo o tráfico da ría, bloqueando o paso das embarcacións tendendo unha cadea entre as distintas fortificacións que facía infranqueable a ría.

Arquitectura Relixiosa

Entre as moitas mostras de arquitectura relixiosa que atopamos no municipio, é a igrexa de Santiago de Franza a que posúe máis valor artístico. De estilo neogótico, presenta unha única nave con bóvedas de crucería. No seu interior destaca o sepulcro renacentista de Pedro de Sillobre, señor de Boado, nobre local do século XVI.

A igrexa de San Xiao, ou de Arriba, ten unha posible orixe románica tardía, con engadidos barrocos, como a torre de 1845. Conserva no interior un interesante retablo barroco. Cerca da igrexa destaca o fermoso cruceiro de San Xiao, en bo estado de conservación, e que presenta símbolos da paixón.

Entre as igrexas de construción posterior e estilo neoclásico atópase a de San Xiao de Abaixo, a de San Xoán de Piñeiro, con lucernario, e a igrexa de San Vicente de Meá, erguida no século XIX sobre unha capela do XVI, adicada a Santa Lucía.

Outro interesante exemplo constitúeo a capela de Lodairo ou da Ascensión, en Franza, cerca dun camiño de peregrinación. Data de antes do século XII e presenta unha soa nave cuberta cunha bóveda de canón.

Neste mesmo espazo atópase o cruceiro de Lodairo, do século XVIII, cunha antiga cruz cun Cristo e coa Virxe en posición orante. Aquí celébrase unha popular romaría o día da Ascensión, con peregrinación ata a ermida e comida campestre.

RUTAS

Pódense propoñer multitude de rutas polo Concello de Mugardos. No peirao de Mugardos, moi preto da zona de atraque da Lancha de Mugardos encontrarán a Oficina de Turismo.

Ruta de cicloturismo trazado Mugardos - Segaño

Saída da Casa do Reloxo no peirao de Mugardos, próximo ao punto de atraque da Lancha que fai o percorrido de Mugardos a Ferrol. Percórrese o paseo dirección ao Cantón de Cora desde onde ascendemos pola rúa Real á L-131 (rúa do Peteiro).

Polo lugar das Mareas arrodeamos a enseada do Baño (enseada fermosa na que se atopa a praia da Bestarruza) primeiro nun descenso e logo nun ascenso á punta Redonda. Na fin do rodeo á enseada do Baño chegamos ao fermoso lugar da Redonda, un miradoiro excelente de Mugardos e da súa praia da Bestarruza. Ao pasar a Redonda abandonamos as últimas vivendas do Concello para atoparnos co Castelo da Palma, unha impresionante fortificación militar orixinaria do S.XVI que controlou no seu día a boca da ría conxuntamente co Castelo ferrolá de San Felipe. Desde o Castelo imos paralelos ao mar xa en camiños de terra ata a punta do Segaño (xa no concello de Ares).

Desde esta punta temos unha magnifica panorámica do océano Atlántico, da entrada da ría de Ferrol, do Porto Exterior e se fai bo día…ata onde nos acade a vista.

Neste punto percorremos 6 quilómetros, aquí temos a opción de voltar polo mesmo camiño a Mugardos ou seguir dirección á enseada de Chanteiro, onde atopamos unha bonita praia recollida dos ventos.

Desde aquí, rodeando os montes de Montefaro e Bailadora polas parroquias aresanas de Chanteiro e Cervás, para atacar o seu ascenso polos lugares de Monte, Sandei e Barra cara Roibeiras e a enseada do Baño xa en Mugardos.

Aos 400 m. de comezar o ascenso na L-131 tomamos un desvío á dereita que nos leva á igrexa de San Xiao de Mugardos, e desde alí chegamos á rúa do Cristo e descendemos pola rúa Alta ata a igrexa de San Telmo, para seguir descendendo cara o peirao e completar os 13 km deste percorrido.

Ruta de cicloturismo trazado Mugardos - O Seixo

Saída da Casa do Reloxo no peirao de Mugardos, próximo ao punto de atraque da Lancha que fai o percorrido de Mugardos a Ferrol. Percórrese o paseo dirección Cantón de Cora desde onde se ascende á Avenida de Galiza cara ao lugar do Penedo, pola estrada do Seixo

Séguese esta estrada paralela á ría ata chegar ao Seixo, pobo pequeno e fermoso que conta cun embarcadoiro e unha arquitectura mariñeira propia da zona.

Deste lugar continuamos cara a igrexa de Franza e dirixímonos cara a estrada L-122, que cruzamos cara a capela da Ascensión xa na Parroquia de San Xoán de Piñeiro. Neste tramo existen numerosas arboredas que fan moi agradable o paseo no verán.

Desde este lugar dirixímonos cara a Seselle, e aos 300 m. tomamos a estrada de servizo paralela á vía rápida de Mugardos–Fene, que nos deixa na rotonda de Franza, desde a que imos á igrexa de San Vitorio. Chegado a este punto dirixímonos aos lugares de Rilo, Areosa e os Casás para descender á igrexa de San Vicente de Meá e volver ao peirao de Mugardos pola rúa Contramaestre Casado, pasando polas Casas Baratas, o Campo dos Carneiros e baixada á Casa do Reloxo. Este percorrido acada os 12 km. sendo na súa meirande parte zonas interiores do concello. Os tramos son todos transitable e acaídas para circular en bicicleta.