O Goberno Local promove un obradoiro de decoración de polbiños coa intención de que a vila se encha deles

Nestes días comezou a viaxar un “polbiño viaxeiro” e está programado para o día 7 o xa tradicional taller de globoflexia.

_DSF9425.jpg

A concelleira de Cultura de Mugardos, Lola González, informou dalgunhas actividades vencelladas á próxima Festa do Polbo e pensadas para afoutar a participación e a implicación de toda a cidadanía no evento.  Así, nas redes sociais do propio Concello de Mugardos e da Festa do Polbo pódese seguir o periplo dun “Polbiño viaxeiro” que desde hai poucos días está a percorrer diferentes recunchos da vila mugardesa.

A súa primeira parada foi no Centro de Interpretación de Caldoval e ata o día 14, data da festa gastronómica, seguirá viaxando. A proposta consiste en adiviñar en que lugar está o polbiño en cada unha das imaxes que, día si día non, irán colgándose no Facebook da Festa do Polbo e o Concello, así como no Instagram de Turismo Mugardos.

Ademáis de dinamizar as redes sociais, o goberno local quere implicar á cidadanía para dar unha imaxe de festa e de exaltación do polbo, o produto que máis sona dá a Mugardos. Así, o próximo venres, día 29, haberá un obradoiro para decorar polbiños ao que poden apuntarse veciños e veciñas de tódalas idades a partir de seis anos. As persoas participantes recibirán un modelo dun polbiño e a proposta será pintala ou decorala con algún motivo referente a cada casa ou familia, para despois colgalos das ventás ou nas fachadas. A cita será na praza do Concello, a partir das 11.00 horas e as persoas interesadas poden inscribirse na Biblioteca Municipal. En caso de choiva, trasladarase a actividade ao Local Social de Maiores. A idea, comentou a edil Lola González, “é encher Mugardos de polbiños para ambientar a vila de cara á festa do 14 de xullo”.

Xunto con estas dúas actividades novidosas, o Concello volve a organizar, un ano máis, o xa tradicional obradoiro de globoflexia, no que nenos e nenas aprenden a facer os seus propios polbiños con globos. A cita será o día 7 de xullo, en dúas quendas, de 10.30 a 12.00 e de 12.00 a 13.30 horas, no Local Social de Maiores. Haberá un máximo de 60 prazas en total, para nenos e nenas de seis a doce anos, e a inscrición faise na Biblioteca Municipal.