Presentación do portal da Festa do Polbo

O Concello de Mugardos lanza este novo Portal para dinamizar a festa e a vila de Mugardos, abrindo unha nova ponte á participación cidadá na posta en valor da cultura mugardesa.

Festa-do-Polbo-Cap-08.png

O vindeiro martes, 10 de febreiro, o Concello de Mugardos fará a presentación oficial do Portal do XXV aniversario da Festa do Polbo. O acto terá lugar ás 19:00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello e nela farase unha reseña da interese deste recurso para a dinamización da festa e da vila en xeral.

O novo portal nace co obxectivo de contribuir a unha meirande difusión e dinamización deste acontecemento tan significativo para a vila.

Dende o mesmo poderase acceder a unha ampla  información sobre o carácter mariñeiro de Mugardos e a importancia que a pesca e o marisqueo ten para a poboación.

Asemade, a posibilidade de consulta e participación dende calquera lugar contribuirá a facer máis atractivo este concello para veciños e veciñas, visitantes e turistas.

Neste senso dotarase dun amplo arquivo documental coa posibilidade de ampliación mediante a colaboración cidadá, que poderá achegar ao mesmo imaxes de actividades cotiás, do  mundo mariñeiro, da riqueza paisaxística... e tamén vocabulario específico do mar, creación xenuina da cultura mariñeira.