Antonio Martínez "Caco", representante do Galicia de Mugardos

"Os do Carballiño din que é mellor o deles, pero no Carballiño non hai polbo, e aquí si!"

Antonio Martínez "Caco", presidente do Galicia de Mugardos

 

E: Cal é a actividade da vosa asociación, neste caso deportiva como é o Galicia de Mugardos?

Caco: Nós temos cento e pico nenos e nenas facendo deporte no club, distribuídos en 13 equipos. Levamos case 60 anos de historia!

E: Como participa unha entidade deportiva na Festa do Polbo? En que consiste a vosa aportación?

C: Pois facemos o mesmo que todas as sociedades. Hai algún tempo incluso colliamos nós o polbo aos pescadores de aquí de Mugardos, se limpaba, se preparaba...despois ata se chegou a ir a Sada, a Coruña... Algunha vez pasou que nos vimos apretados, porque faltaban 15 días para a Festa do Polbo e non había polbo, faltaba polbo! Tivemos que collelo da zona de Camariñas e por aí que é de onde o traemos agora. Despois o elaboramos e preparamos o polbo

E: O día da Festa que facedes?

C: Cada un monta unha especie de caseta dentro da carpa, e a vender Polbo á Mugardesa! Cada asociación o vende feito á súa maneira,  todos o mesmo produto e receita pero cada un á súa maneira.

E: Entón cada asociación ten o seu xeito de preparalo?

C: Si, cada asociación o prepara dunha maneira, practicamente é o mesmo pero hai diferencias... A cada un lle gusta máis unha ou outra receita, todos pensamos que a mellor é a nosa!

E: Canto nos costaría saber a receita? Ten prezo o segredo?

C: A receita? Non se pode saber! Eso é segredo profesional. Ten os seus trucos, ten as súas cousas,...pero bueno, é moi sinxelo

E: Tes algunha lembranza especial relacionada coa Festa do Polbo? Como viviches este evento estes anos?

C: Nós, polo menos no meu caso, cando estou na Festa do Polbo o que máis me importa é que non chova e que estea bo tempo, que vexas que vas acabar o polbo,...despois é precioso, ves que chega a lancha cargada de xente...Hai xente aí, demasiada! Temos comezado hai anos e á hora e media non ter polbo! Despois se foi aumentando, foi aumentando...e hai 5-6 anos á hora e media tampouco tiñamos polbo...Aumentamos un pouquiño pero despois veu a crise, veu mal tempo, e non o demos vendido ben. Agora temos o razonable que son 1300-1400 kg de polbo e se vendeu todo ben, e creo que é o tope. 

E: Por que convidarías ti a vir xente á Festa do Polbo?

C: Polo ambiente que hai, porque é un ambiente espectacular hai pandillas de rapaces e rapazas que visten as súas camisetas, esta moi ben! Polo rico que está o polbo! Penso que polbo como o que se fai aquí non o hai. Os do Carballiño din que é mellor o deles, pero no Carballiño non hai polbo, e aquí si!