Conversa coas Anduriñas 9 (2/3)

Continuamos coa conversa que mantivemos coas Anduriñas, a primeira asociación legalizada que se encargou de organizar a Festa do Polbo de Mugardos.

Anduriña_9.jpg

E: Como foi o primeiro ano?

María Encarna:  O primeiro ano que o fixemos non sabiamos como cociñar e fomos á Escola de Hostalaría e colaborou un profesor que se chama Carlos, que foi encantador, non che podo dicir nada máis que marabillas porque nos facilitou moito, trouxo os seus alumnos e alumnas de Pontedeume e el se encargou de todo. Solicitamos tamén cociñas, porque non tiñamos cociña, ao Colexio de Ares que nolas cedeu. As cazolas pedímolas a Infantaría, alá fomos a buscar as cazolas! Nós encargabámonos da limpeza. Foi unha tarefa moi ardua e moi bonita... cando non se sabe, e non te leva ninguén, te levas ti e cada unha ten unha idea que aportar...

E: E o financiamento?

María Encarna: Para financiarnos Teresita García era a que tiña todas as ideas: fixéronse paraugas, camisetas, mochilas,...para recadar fondos porque non había! Íase pedir polas casas, entón repartiámonos por equipos. Esa misión a min por exemplo nunca me tocou, facíana outros equipos. A min quizais o que me tocou máis foi a parte administrativa poderiamos dicir. O resto o equipo!

Teresita: E das relacións públicas! Eras a que te entrevistabas con todos.

María Encarna: Eu creo que traballamos moi ben, con erros evidentemente porque cando empezas...

E: E o Concello?

María Encarna: O Concello colaboraba o que é na parte económica. Iamos á Xunta a solicitar subvencións e estas tiñan que ser a través do Concello. O Concello apoiábanos e así podiamos solicitala. Ao estar organizada como organización e contar cun CIF era moito máis doado porque estaba todo legalizado.

E: Teresita, de que te encargabas ti?

Teresita: Da mercadotecnia. As ideas das camisetas, en vez de ser unha fotografía alí pegada fixemos o que é o perfil da Ría de Mugardos. Debuxóunolo e cedeu unha alumna da Escola Municipal de Pintura. Maite encargouse de buscar a quen llas confeccionase, unha empresa de Vitoria. Quedaron preciosas, ían os papás, as mamás e ata os bebés levaban a camiseta! Logo fomos facendo máis cousas, os paraugas tamén foron moi importantes, levaban o mesmo debuxo da camiseta, e chegaron ata Nova York! Este material vendíase durante todo o ano nos estabecimientos de Mugardos para recadar fondos de cara á festa. Tivemos moito éxito. Tamén fixemos as cuncas e os pratos de Buño, as mochilas...

Tona: En anos posteriores tivemos moito éxito tambien porque os debuxos das camisetas eran de Bello Piñeiro. Tamén fixo o cartel que había xunto á áncora.

E: Colaboraban os negocios locais?

Teresita: Si, os fornos colaboraban tamén connosco.

María Encarna: As panadarías colaboraban coa comisión achegando pan. Cada panadaría poñía a mesma cantidade de pan, dábannos un saco.

E:¿Cómo preparabades o día da Festa?

Maruxa: Unha tarde iamos cocer o polbo a Ares, á cociña do colexio. Eles tiñan unhas perolas grandes e unha cociñas industriais. Lavabamos o polbo.

E: Cociñabádelo o mesmo día?

Sita: Non, cociámolo un par de días antes.

María Encarna: A Festa en si celebrábase soamente pola tarde. Dedicabamos a mañá a embolsar as porcións e a preparalo todo.

E: Cantos quilos de polbo colliades?

Carmiña: Entre 700 e 800 quilos de polbo.

Tona: O noso interese foi sempre que fose polbo da zona ou polo menos, todo polbo galego. Iso si o puidemos conseguir.

E: E despois?

Maruxa: Cociámolo. Logo poñiámolos nuns mesados grandes na cociña do colexio a arrefriar. Ao día seguinte iámolo cortar e despues gardabámolo nos conservadores.

María Encarna: Axudounos Carlos, co grupo de hostalaría. Estabamos desbordadas porque era moita cantidade de xente, así que lles pediamos os nosos fillos e fillas e as súas amizades que viñeran a axudar a servir, a repartir o viño...

Tona: A tarde anterior facían a salsa as cociñeiras Carmen e Sita. Cortar e limpar faciámolo todas pero a salsa...

Carmiña: Do que sobraba do polbo, dous rabitos e dás cabezas faciamos a empanada. Como se vendía a empanada!

Teresita: Había moita tensión para que saíse ben. Despues de pasar a festa ao día seguinte á marea a lavar as potas con area alí metidas na auga ata o xeonllo. Traballamos moito, era unha semana completa!

Maruxa: E despues da festa había que entregar todo, deixar todo listo, e fregar! E quedaba todo aquilo limpo e impecable...