Luis Penín, representante do Casino Progreso de Franza

"O marco de Mugardos é incomparable. Estamos dentro da Ría de Ferrol, unha das máis bonitas de Galicia."

Luis Penín, representante do Casino Progreso de Franza

Entrevista: En que consiste a vosa aportación como entidade á organización da Festa do Polbo?

Luis Penín: O Casino Progreso de Franza aporta o mesmo que os demais.

E: Todas as asociación polo que comentades participades na mesma medida, non si?

LP: É que esto é unha simbiose entre o Concello de Mugardos e as sociedades de Mugardos que queren participar. Nós poñemos traballo, pero eles tamén. Organizar a Festa do Polbo redunda nun beneficio para todo o Concello. Na aportación: todos somos iguais. Facemos todos os mesmos kilos de polbo, cada un como xa dixeron os meus compañeiros, coa súa receita sendo todas moi similares: un pode variar un pouco no pimentón, outro noutra cousa... Véndense 1280 kilos de polbo na festa e a  cada sociedade lle corresponden 180 ou 200 kg. Esta cantidade depende do ano porque baixou un pouco coa crise. Agora esperemos que co pulo que se lle vai dar dende o portal web creza pero andará por aí. Véndese polbo a 3000-3500 persoas.

E: Dende cando participades vós na Festa?

LP: Nós somos case neófitos, levamos só tres anos participando. 

E: Que experiencias destacarías da túa participación como na festa?

LP: Lembranzas? Pois que antes había moito polbo na Ría de Ferrol. Antes era moito máis abundante. A festa vai mellorando ano a ano porque os tempos van cambiando.

(Neste intre intervén Caco do Galicia de Mugardos)

Caco: Houbo un ano cando se facía no Ratón, aquel debeu ser o 5º ou 6º ano que foi o mellor.  Outro ano , o segundo ou terceiro, empezou a chover, a chover,...non había carpa que chegara, era pequeniña, aquelo foi criminal! Choveu ademais á mesma hora do polbo porque daquela se facía só pola tarde... chove, chove... Moita rabia nos dera! Había xente a moreas pero desapareceu toda. Non se deu vendido o polbo. Quixemos vendelo ao día seguinte, habería 300 ou 400 kg de polbo nada máis, unha rabia! Penso que fora o segundo terceiro ano...

LP: Xa se facía o mesmo polbo que agora? A mesma cantidade?

C: Non, menos, menos...Se se fixese cantidade como agora, pobre nosa!

E: Luis cóntalle á xente que visita o portal por que teñen que vir a Mugardos e á Festa do Polbo?

LP: O marco de Mugardos é incomparable. Estamos dentro da Ría de Ferrol, unha das máis bonitas de Galicia, sen ánimo de ofender. Eu teño amigos que veñen na lancha: sair do peirao de Ferrol e chegar aquí, é un espectáculo. Logo a festa conta cunha animación tremenda: grupos cantando, tocando música, animación, viño, polbo... Festa total!