Concertos de La Guardia e Ialma no programa de Festas de Verán de Mugardos

Mércores, 17 de Xullo de 2019

A vila viviu unha multitudinaria Festa do Polbo este sábado, con máis de 20.000 persoas que gozaron da celebración sen incidencias e con ambiente de xolda.

16 de Xullo.jpg

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, fixo unha valoración moi positiva do desenvolvemento da Festa do Polbo, que o sábado levou á vila máis de 20.000 persoas e na que se esgotaron as máis de 3.000 racións de polbo á mugardesa e unhas 2.400 de empanada. “A festa chegou a todo o casco urbano, non so á zona do porto, e prolongouse toda a xornada, con animación de rúa e unha verbena nocturna –explicou a alcaldesa-; todo transcorreu nun ambiente de xolda sen ningún incidente, e a vila amenceu o domingo limpa, despois de que os equipos de limpeza se ocuparan de baldear as rúas”. Un ano máis, confirmouse o salto cuantitativo e cualitativo que deu o evento nos últimos anos.
 
Despois do multitudinario comezo das festas, o programa continua durante toda esta semana ata o luns vindeiro, día 22. O luns 15, as 22.30 horas, desenvolveuse o concerto do grupo Ialma. Como todos os que se van celebrar esta semana, foi baixo a gran carpa instalada no parque da Constitución, Ialma é un grupo formado por catro mulleres afincadas en Bélxica e de orixe galego, que se definen como cantareiras e ofrecen unha interpretación particular de temas de música tradicional, tanto en galego como noutros idiomas. Con máis de dez anos de traxectoria, conforman un conxunto de recoñecido prestixio non so nos circuítos da música folk. Chegaron a Mugardos despois de participar no Rudolstadt Festival, un dos eventos musicais máis prestixiosos de Alemaña. Ofrecereon os temas do seu quinto traballo discográfico, “Camiño”, que leva como subtículo “De Bruxelas a Santiago”.
 
Onte, martes 16, foi a quenda de La Guardia, a banda de rock que triunfou nos anos 80 e que regresou a partir de 2003, ofreceu un concerto no parque da Constitución as 22.30 horas e nel repasaron os seus grandes éxitos.
 
Hoxe haberá de novo noite de rock baixo a carpa do parque da Constitución. Miguel Costas, o músico que triunfou da man de grupos tan coñecidos como Siniestro Total, ofrecerá o seu repertorio cos temas míticos que popularizou con esta e outras formacións. A partir das 22.30 horas.

Para mañá xoves está previsto, ademais do concerto pola noite, unha festa para os máis pequenos, coa actuación do grupo Teatro Calavera. Ás 19.30 horas na praza do Concello porá en escea a peza “Festa pirata na Illa Calavera”. Esa noite será a da gran gaiteira Susana Seivane, herdeira dunha tradición musical familiar, que vai presentar en Mugardos o seu novo traballo discográfico “Fa”. Será a partir das 22.30 horas no parque da Constitución.
 
O programa continuará aínda ata o luns 22. Cómpre recordar que todas as actividades son libres e gratuítas.