A empanada de polbo á mugardesa presentouse onte na Feira Gastronómika de San Sebastián

Mércores, 10 de Outubro de 2018

O Concello levou vinte quilos do apetitoso prato, e ofrecéronse racións ao público asistente ao evento do Kursaal.

gastro1.jpg

Mugardos participa este ano na prestixiosa Feira Gastronómika de San Sebastián, que cumpre dúas décadas cunha edición particularmente intensa desde onte ata hoxe. Da man da Deputación da Coruña, o Concello ofreceu na xornada de onte unha degustación de empanada de polbo á mugardesa, unha variante da receita máis famosa da vila. A concelleira de Cultura, Lola González, destacou que o goberno local está a facer un esforzo por participar neste tipo de eventos de promoción turística e gastronómica para potenciar a imaxe de Mugardos e captar visitantes de dentro e fóra de Galicia. A edil explicou que a empanada foi preparada pola cociñeira do establecemento Muelle 43 e a Panadería García López e agradeceu a súa boa disposición para participar na preparación do evento.

A Feira Gastronómika desenvólvese no palacio do Kursaal de San Sebastián. O evento, que cumpre vinte anos, reuniu na súa pasada edición a 1.567 congresistas, 14.000 visitantes de 37 nacionalidades diferentes e 412 xornalistas. A Deputación da Coruña participa cun stand e facilita soporte ás catro degustacións que ofrecerá a provincia, unha delas a de empanada de polbo á mugardesa.

O Concello de Mugardos levou á feira de San Sebastián un total de 20 quilos de empanada, que foi degustada polos visitantes ao longo de toda a xornada, desde as dez da mañá. Unhas 600 persoas puideron probar o apetitoso prato. A Festa do Polbo de Mugardos está declarada de Interese Turístico e celébrase o segundo sábado do mes de xullo.