Mugardos espera a visita de milleiros de persoas na súa XXVIII Festa do Polbo

Venres, 13 de Xullo de 2018

A vila inaugura hoxe un amplo programa de festas, a primeira gran cita será a degustación, este sábado, de 1.500 quilos do produto que da fama á vila.

FESTAPOLBO-MUGARDOS-2018-cartel-web2.jpg

A vila de Mugardos espera contar este sábado coa visita de milleiros de persoas na XXVIII Festa do Polbo, un dos eventos gastronómicos máis importantes de Galicia, declarado Festa de Interese Turístico Nacional. A alcaldesa, Pilar Díaz Otero, destacou o esforzo realizado nesta décimo oitava edición, na que xunto coa tradicional e valorada degustación do polbo haberá música e outros espectáculos para todos os públicos. Díaz Otero invitou a propios e alleos a acudir a Mugardos e gozar da súa gastronomía e do resto dos seus atractivos.

O ingrediente principal da festa, o polbo, venderase este ano ao mesmo prezo que o pasado, pese ás subas xeralizadas que o cefalópodo está a experimentar no mercado. O Concello de Mugardos comprou 1.500 quilos de polbo co que se servirán máis de 3.000 racións de “polbo á mugardesa”, a receita tradicional da localidade,e preto de outras 3.000 de empanada de polbo. As primeiras serán a 10 euros e as segundas a 2 euros, e irán acompañadas de pan e viño, e servidas en prato e cunca de cerámica de Buño, conmemorativas da ocasión. A degustación desenvolverase baixo unha gran carpa instalada na praza da Constitución, ao final do peirao, a partir das 13.00 horas. Antes, desde as 12.00 horas, estarán abertas tres billeteiras para mercar os tíckets cos que logo pedir as racións dentro da carpa.

As oficinas de Recadación no Concello de Mugardos levan xa desde o luns vendendo de forma anticipada os tíckets para a degustación do sábado, coa finalidade de aforrar esperas aos veciños e veciñas da vila. Onte tiñan expedido xa máis de 134 vales para o polbo e 85 para racións de empanada, aínda que a maior afluencia se prevé para hoxe.

O Concello de Mugardos programou ademais outras actividades. Así, haberá ao longo da xornada pasarrúas dos grupos Charanga Mekanica e Kilomberos. Tamén, ás 12.00 horas e ás 16.30 horas, a compañía Catropés, formada por Ánxela Blanco e Vanesa Rivas, desenvolverán no Cantón de Cora o espectáculo “Animacreques”, no que fan de monicreque e titiriteira. A súa actuación vai especialmente dirixida ao público familiar. Tamén no Cantón de Cora será a cita musicial do sábado pola noite, unha verbena a cargo do grupo Claxxon que comezará ás 22.30 horas.

O Concello preveu un completo dispositivo con aparcamentos disuasorios para facilitar a afluencia. Así, na zona de Forestal do Atlántico poderá deixarse o coche e tomar o bus lanzadeira que durante todo o día, de 11.30 a 20.00 horas, fará percorridos de ida e volta ao centro de Mugardos. Tamén habilitáronse grandes zonas de aparcamento na proximidade das Casas Baratas, que estarán debidamente indicadas.

Durante todo o día haberá un tren turístico que poderán utilizar de balde pequenos e maiores para desplazarse entre a zona da Avenida do Mar e a do Cristo, desde a que poderán achegarse a visitar o Centro de Interpretación de Caldoval, aberto o sábado de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, ou á zona do Merlo, onde estarán ubicadas as atraccións de feira.

Hoxe venres

Pero o programa de festas de Mugardos terá o seu inicio xa hoxe, venres. Ás 22.00 horas no Cantón de Cora actuará o grupo coral EntrElas, do que forman parte tamén algunhas compoñentes da propia localidade. No mesmo lugar está previsto, para as 22.30 horas, o acendido dunha estrutura con forma de polbo e formada por 50.000 lámpadas led que ambientará as noites de celebración na vila mariñeira.

Domingo

O programa de festas continuará o domingo. Despois dos actos relixiosos desta xornada, o Concello programou un espectáculo de animación infantil. Será ás 19.30 horas, na praza do Concello, a cargo de Javi Javichi. O seu número combinará equilibrismo e humor. Tamén pola noite, a partir das 22.00 horas, o Cantón de Cora acollerá un concerto da orquestra Gran Parada. A fin de semana rematará cunha sesión de fogos de artificio ás doce da noite, na zona do peirao.