Mugardos leva a súa Festa do Polbo ás Feiras Atlántica Gastronómica e Turexpo

Mércores, 5 de Xuño de 2019

Desenvolveranse senllos showcooking nestes eventos, nos que están xa os carteis que asinan este ano Toni Seijas e Juanlu Nacha.

atlanticagastro.jpg

A alcaldesa e a concelleira de Cultura de Mugardos, ambas en funcións, Pilar Díaz e Lola González, estiveron este luns na feira Atlántica Gastronómica que se celebrou na Coruña, no recinto de Palexco, para promocionar a XXIX Festa do Polbo que se vai celebrar o vindeiro 13 de xullo na vila, así como o programa de festas de verán. O evento gastronómico tivo a súa mellor presentación coa celebración dun showcooking no que se preparou e serviu polbo á mugardes, xunto con empanada de polbo á mugardesa. No acto colgáronse xa os carteis, tanto da Festa do Polbo como das Festas de Verán, que nesta ocasión foron ilustrados polos artistas Toni Seijas e Juanlu Nacha, respectivamente.

O Concello de Mugardos participou na feira Atlántica Gastronómica da man da Deputación da Coruña. No seu stand estivo, as 14.00 horas, o showcooking da receita estrela da vila. A restauradora Nair González, cociñeira do Muelle 43, un dos establecementos do porto, estivo encargada dos fogóns.

Por outra banda, o Concello de Mugardos estará tamén este sábado, día 8 de xuño, na feira Turexpo que se vai celebrar en Silleda. Neste caso a promoción da Festa do Polbo e, en xeral, dos atractivos da vila mugardesa farase nun stand propio, similar ao que ocuparán outras festas de interese turístico no mesmo evento. O cociñeiro Miguel Mosteiro será o encargado de preparar o polbo á mugardesa á vista do público e de servirllo despois. O showcooking está previsto para as 14.00 horas tamén.

Lola González lembrou que antes destas feiras, o Concello de Mugardos estivo tamén en Xantar (Ourense), na Feira Ibérica de Turismo (FIT) da Guarda, en Festur e na Gastronómika de San Sebastián, co obxectivo de impulsar o coñecemento da Festa do Polbo en Galicia e as comunidades limítrofes e atraer cada vez máis turistas á vila.

A edil chamou tamén a atención sobre a calidade dos carteis, que o goberno puxo un ano máis en mans de deseñadores profesionais da contorna. O da Festa do Polbo, obra de Toni Seijas, ten de fondo a fachada marítima da vila e o prato de barro co polbo á mugardesa en primeiro plano, mentres que no cartel das festas de verán, que serán do 13 ao 22 de xullo, o artista Juanlu Nacha pintou unha colorista lancha de Mugardos, con músicos a bordo.