Mugardos participa desde onte na Feira Turexpo que se desenvolve en Silleda

Venres, 7 de Xuño de 2019

Este sábado desenvolverase un showcooking e actuará a Rondalla Mugardesa para promocionar a festa de interese turístico da localidade.

R_turexpo3.png

A concelleira de Cultura en funcións, Lola González, informou de que o Concello de Mugardos ten o seu stand propio na feira de turismo Turexpo que onte se inaugurou no recinto de Silleda. A través deste punto de información vanse promocionar os atractivos naturais e patrimoniais do municipio, con especial énfase na XXIX Festa do Polbo que se vai celebrar o 13 de xullo próximo. Tal como explicou a concelleira, esta é unha feira na que se dan cita os 35 concellos que teñen unha festa declarada de Interés Turístico en Galicia, entre eles Mugardos, cuxa degustación recibiu tal distinción en 2009 pero que leva ás costas xa 28 edicións.

Como xa é habitual, o Concello de Mugardos quere convencer con feitos. Así, vaise celebrar un showcooking este sábado, ás 14.00 horas. O cociñeiro Miguel Mosteiro preparará a receita que dá sona á vila, o polbo á mugardesa, e o público poderá degustala. Tamén formará parte do acto a empanada de polbo á mugardesa, unha vianda que dende hai anos forma parte tamén da festa no segundo sábado do mes de xullo. No acto tamén participará a Rondalla Mugardesa, unha formación que representa a longa tradición musical da vila, que ofrecerá un recital no marco do evento en Silleda.

O Concello de Mugardos vén de participar esta semana na feira Atlántica Gastronómica, na Coruña, onde tamén se cociñou o polbo á mugardesa. Neste evento, como no que hoxe comeza en Silleda locen xa os carteis da Festa do Polbo, deseño de Toni Seijas, e das Festas de Verán, de Juanlu Nacha.