Mugardos servirá este sábado 1500 kg de polbo á mugardesa

Venres, 12 de Xullo de 2019

O cociñeiro Miguel Mosteiro está á fronte dun equipo de trinta persoas para a preparación do cefalópodo e o servizo ao público a partir das 13.00 horas

66316222_679530355794193_1334173823192268800_o.jpg

O Concello de Mugardos ten todo preparado para a XXIX edición da Festa do Polbo, unha xornada na que se vai exaltar unha vez máis o prezado cefalópodo e a maneira tradicional que teñen de preparalo na vila. O cociñeiro encargado de cociñar a receita é por segundo ano consecutivo Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa, que ten ás súas costas máis de 50 festas gastronómicas multitudinarias como a de Mugardos. Un equipo de máis de trinta persoas participan no traballo de preparar o polbo á mugardesa e servilo ao público baixo a gran carpa que estará instalada o sábado no parque da Constitución.

As previsións son similares ás do ano pasado, cando se esgotaron as 3.300 racións de polbo á mugardesa e unhas 2.400 de empanada, de cuxa preparación ocúpase a Panadería García López. A concelleira de Cultura, Lola González, destacou que un ano máis vaise manter o prezo das racións. Así, a de polbo á mugardesa será a 10 euros e a de empanada a dous euros. A degustación irá servida en prato e vaso de alfarería de Buño, con pan e viño. En total consumiranse 1.500 quilos de polbo a partir das 13.00 horas e ata terminar existencias. As billeteiras estarán abertas, xunto ao parque da Constitución, desde as 12.00 horas, aínda que os veciños e veciñas de Mugardos poden xa retirar os tíckets estes días no propio Concello.

Como xa se informou, a Xunta Local de Seguridade estableceu o peche do tráfico rodado no porto e as rúas que conducen ata el. Porén, haberá ata nove espazos habilitados para o estacionamento dos vehículos, oitos deles no casco urbano e outro nas proximidades de Forestal del Atlántico, desde onde haberá un autobús lanzadeira facendo viaxes ao centro desde as 11.30 ata as 22.00 horas. Ademais, Lola González lembrou que funcionará a lancha desde Ferrol, en traxectos de ida e de volta cada hora desde as 10.00 da mañá ata as 22.00 horas da noite.

O Concello ten organizada unha xornada para a gastronomía e tamén para a troula. A Charanga Mekánica actuará pola zona do peirao a partir das 13.30 horas e pola tarde, ás 17.30 horas, comezarán un pasarrúas os Kilomberos de Montealto. O Grupo Claxxon amenizará a verbena pola noite, a partir das 22.30 horas, sobre o escenario que se instalará no Cantón de Cora.

Programa

A Festa do Polbo abre un calendario de dez días de festas en Mugardos, con espectáculos e actividades todos os días, sempre de entrada libre e gratuíta.

  • Domingo, día 14: o grupo de teatro Ghazafelhos, actuará ás 19.30 horas na recén ampliada Praza do Concello. Porá en escea o espectáculo “A illa sen tesouro”, dirixida ao público familiar. Sisters in the house, un grupo vocal da Coruña, actuará pola noite, baixo a carpa instalada no parque da Constitución, a partir das 22.30 horas. No seu repertorio hai tanto clásicos da música negra como temas populares galegos arranxados desde unha visión máis actual.
  • Luns, día 15: o grupo Ialma será o protagonista neste luns. Trátase dun quinteto de cantareiras afincadas en Bélxica que ofrecen unha interpretación particular de temas de música tradicional, tanto en galego como noutros idiomas. O concerto será a partir das 22.30 horas, na carpa do parque da Constitución.​