O Caixón das Palabras do Mar: outra ponte á participación cidadá

Xoves, 5 de Febreiro de 2015

O novo portal web adicado á Festa do Polbo, creado na celebración do XXV Aniversario, incorpora varias funcionalidades destinadas a facilitar a participación cidadá.

 

O Caixón das Palabras do Mar: outra ponte á participación cidadá

A cultura do mar está moi presente en Mugardos, pobo mariñeiro por excelencia da Ría de Ferrol. A riqueza léxica do noso idioma é enorme e o é aínda máis no noso concello, onde podemos atopar multitude de verbas mariñeiras propias da zona das que moita xente nova e visitantes descoñecen o seu significado. Está nas mans dos veciñas e veciñas de Mugardos manter este patrimonio cultural e lingüístico, guardas e custodios da riqueza léxica do noso pobo.

O novo portal web foi pensado e deseñado fundamentalmente para pór en valor a nosa Festa, actuando como un arquivo dixital vivo no que recoller toda o material xerado arredor dela e gardado na memoria, nas mans e nalgún caixón dos veciños e veciñas de Mugardos. O Caixón das Palabras do Mar, dá un paso máis alá nesta tarefa, buscando ser un dicionario de palabras relacionadas coa cultura mariñeira, pero fuxindo da formalidades habituais e incorporando tamén con texto e imaxes os sentimentos das xentes do noso pobo.

Unha funcionalidade aberta á participación cidadá

En palabras do presidente da Comisión Organizadora, Xosé Antón Bouza ao falar sobre o portal quédanos claro que  "permítenos crear un novo espazo de participación cidadá aberto ás achegas da veciñanza". A este participativo apartado do portal accédese dende o Menú Principal situado na parte superior da pantalla, permanecendo sempre accesible a un único clic de distancia.

Facendo clic nesa ligazón ábrese ante os ollos do visitante un mar de palabras do mar, rodeadas de moreas de imaxes usadas para describilas graficamente, acompañadas dunha descrición textual. Premendo na ligazón "Saber máis" accédese ao detalle da palabra na que se poderán consultar os comentarios enviados polas diferentes persoas que nalgún momento desexaron aportar o seu gran de area ao mantemento da memoria léxica e cultural da vila.

Aquelas persoas que desexen facer a súa achega poden facelo dende a ligazón lateral "Aporta palabras cunha descrición", que lles abrirá as portas á participación completando un formulario moi sinxelo no que poderán indicar:

  • o seu nome e apelidos, cos que se recoñecerá a súa achega
  • un correo electrónico, para poder contactar con esa persoa
  • a palabra e a súa descrición

A maiores poderán achegar unha imaxe que complemente a descrición textual e que axude a comprender de que se está a falar.