O Concello de Mugardos celebra un Showcooking co Polbo de Mugardos como protagonista

Luns, 27 de Abril de 2015

O Showcooking será o día 28 de abril ás 18:00 horas coa colaboración de Héctor López

Héctor López

Co motivo da celebración da IV Ruta dos Pinchos, o Concello de Mugardos quere colaborar realizando un Showcooking da man de Héctor López (Restaurante España.Lugo.1 Sol Repsol).

Para os que non o coñecen, o restaurante España é o decano da cociña lucense con máis de 100 anos de experiencia as súas costas. Tras a renovación do local Héctor López púxose á fronte do negocio familiar o que fixo que aínda fose máis coñecido na cidade e por toda a provincia grazas á súa cociña creativa e de tempada.

O restaurante ademais conta cun Sol na guía Repsol. Os Soles Repsol son as prestixiosas distincións que se conceden aos mellores restaurantes e cociñeiros. Símbolo de excelencia culinaria e mostra do vínculo e o apoio de Repsol á gastronomía en España e Portugal.

Hai pouco Héctor López dixo nunha entrevista "Comecei traballando no restaurante da miña familia desde moi novo. Despois de cursar os meus estudos no Centro Superior de Hostalería de Santiago, decidín empaparme do que se estaba facendo en España e fíxeno da man de Pedro Subijana e Toño Pérez, entre outros."

Agora os irmáns López tentan seguir coa tradición familiar e consolidar o seu negocio máis aló de Lugo. Héctor e Francisco tentan modernizar cociña pero sen esquecer a tradición.

"Desde hai algúns anos centreime na cociña do restaurante España, onde día a día tento rexuvenecer a cociña de Lugo."

Héctor López xulgará os 21 pinchos presentados e na elaboración en directo de como mínimo tres propostas que teñan como principal ingrediente o Polbo de Mugardos.

O acto celebrarase o martes 28 de abril ás 18:00 horas no Casino Mugardés. Como o aforamento é limitado só se permitirá acceder a unha persoa por establecemento participante.