O Concello de Mugardos crea unha marca para promocionar o 25 Aniversario da Festa do Polbo

Venres, 6 de Marzo de 2015

Onte presentouse a imaxe corporativa que dará a coñecer este evento declarado de Interese Turístico.

O Concello de Mugardos crea unha marca para promocionar o 25 Aniversario da Fest

A Festa do Polbo de Mugardos, declarada Festa de Interese Turístico en 2009, chega este ano 2015 a súa vixésimo quinta edición.

Por este motivo, e co fin de acadar a máxima difusión posible, o Concello de Mugardos presentou onte a marca coa que se dará a coñecer o evento, que este ano se celebrará con distintas accións, axuntando gastronomía, festa, música e que servirá ademais para amosar publicamente o agradecemento aos centos de voluntarios, asociacións e sociedades que fan posible que esta festa se converta cada ano nunha homenaxe ao polbo, protagonista absoluto na gastronomía de Mugardos.

Segundo explicaron hoxe Pilar Díaz, primeira tenente de alcalde, e Xosé Antón Bouza, Concelleiro de Cultura e Presidente da Comisión Organizadora da Festa do Polbo, era fundamental crear unha marca que servise como elemento identificador do evento, ademais de reclamo para a súa promoción, tanto dentro como fóra do concello.

Individualizar a imaxe turística de Mugardos

A marca servirá como elemento identificador da Festa da Polbo de Mugardos e contribuirá a diferenciar a imaxe turística de Mugardos en xeral e da festa gastronómica en particular doutros destinos que desenvolven accións parecidas, potenciando e popularizando as súas peculiaridades e virtudes.

Coincidindo coa celebración do aniversario da creación da Festa, a marca levará acompañado un símbolo propio que salienta os 25 anos da súa creación, destacando de forma individualizada este feito que pon de manifesto a fortaleza e continuidade no tempo deste evento gastronómico.