O Concello de Mugardos estará presente no Fórum Gastronómico que se celebra na Coruña

Venres, 8 de Marzo de 2019

A cociñeira do Muelle 43, Nair González, será a encargada de preparar o Polbo á Mugardesa.

49594161_2616703655012399_1511519095927865344_n.jpg

A concelleira de Cultura, Lola González, informou de que o Concello de Mugardos estará presente o vindeiro luns, día 11, no Fórum Gastronómico da Coruña, que celebra a súa vixésima edición do 10 ao 12 deste mes no recinto de ExpoCoruña. Ao igual que na pasada feira Xantar, o municipio participará neste evento da man da Deputación Provincial e o seu stand, onde promocionará a XXIX Festa do Polbo co mellor argumento: unha degustación de polbo á mugardesa e de empanada de polbo á mugardesa.

A cociñeira Nair González, do establecemento Muelle 43 do porto de Mugardos, acudirá ao evento para ofrecer o showcooking e preparar a particular receita que fai famosa á vila. O acto está previsto para o luns, entre as 19.00 e as 20.00 horas.

Mugardos estará presente por primeira vez neste evento, que se promociona como o maior encontro para os profesionais do mundo da gastronomía e un dos máis innovadores e prestixiosos dentro do circuíto europeo deste tipo de eventos. Xunto coa Coruña, ten outras dúas sedes, Barcelona e Girona.

A XXIX Festa do Polbo de Mugardos celebrarase este ano o 13 de xullo, como é habitual o segundo sábado do mes. Desde o ano 2009, está declarada festa de Interese Turístico Galego.

Imaxes do evento no Fórum Gastronómico 2019: