O Goberno Local prepara o expediente para solicitar o "Interese Turístico Nacional" para a Festa do Polbo

Mércores, 6 de Novembro de 2019

Como parte da promoción da candidatura, o cociñeiro Iván Domínguez ofrecerá o vindeiro 4 de decembro un showcooking a medios de comunicación e público especializado.

Festa_DO_Polbo_2019.jpg

O goberno local de Mugardos ten en marcha xa a elaboración do expediente que ha de xustificar a solicitude da concesión da categoría de “Festa de Interese Turístico Nacional” á Festa do Polbo, que a vila celebra cada segundo sábado do mes de xullo coa afluencia de miles de persoas. Segundo explicou a concelleira de Turismo, Lola González, unha parte destacada nas actividades de promoción desta candidatura será o showcooking que o cociñeiro Iván Domínguez vai desenvolver no Casino Mugardés o vindeiro día 4 de decembro, ante medios de comunicación, profesionais da restauración e tamén unha selección de blogueiros galegos.

Iván Domínguez é un dos máis prestixiosos cociñeiros de Galicia. Durante anos estivo ao frente do Alborada, na Coruña, un establecemento cunha estrela Michelín, e a comezos deste 2019 abriu Nado, outro restaurante na mesma cidade. Na súa visita a Mugardos vai preparar tres platos, todos eles baseados no polbo á mugardesa, a receita que enxalza a festa local e que dá sona á vila pola súa singularidade.

A Festa do Polbo de Mugardos foi xa declarada de Interese Turístico por parte da Xunta no ano 2009. Trátase agora, explicou Lola González, de facer valer os méritos deste evento para acadar unha categoría superior, a nacional. É unha distinción regulada pola Orden Ministerial ICT/851/2019, de 25 de xullo, na que entre outras cuestións apúntase á continuidade no tempo por máis de cinco anos, o arraigo na localidade, o valor cultural e a orixinalidade, a repercusión en medios de comunicación nacionais ou a operatividade duns correctos medios dixitais como requisitos para obter a distinción de “Interese Turístico Nacional”.

A Festa do Polbo de Mugardos, que en 2020 vai celebrar a súa trixésima edición, conta de partida coa maior parte destes requisitos. A concelleira explicou que a intención do goberno local é ter o expediente listo para presentalo a comezos do próximo ano.