Un tren turístico facilitará a mobilidade pola vila de Mugardos durante as celebracións da Festa do Polbo

Mércores, 20 de Xuño de 2018

O vehículo fará continuos percorridos desde o peirao ao Cristo durante os días 14, 15 e 16 de xullo.

transport-2292028_640.jpg

A Xunta de Goberno local vén de aprobar a contratación dun tren turístico que percorrerá a vila durante os días 14, 15 e 16 de xullo, coincidindo coa fin de semana da Festa do Polbo.

A concelleira de Cultura, Lola González, explicou que o vehículo fará continuamente percorridos entre o peirao de Mugardos e a zona do Cristo, cunha parada no camiño, nas proximidades do Concello, e que ao mesmo poderán subir gratuítamente tanto pequenos como maiores. “Trátase de facilitar a mobilidade pola vila e de limitar ao máximo o uso do coche”, comentou a edil, que tamén recordou que haberá un aparcamento disuasorio nas proximidades de Forestal do Atlántico, desde o que funcionará un bus lanzadeira, tamén gratuíto, para levar á xente ata a festa.

O tren turístico contribuirá a dinamizar a hostalería da zona alta da vila e mesmo para ir visitar o Centro de Interpretación de Caldoval, moi próximo á zona do Cristo na que rematará os seus traxectos.

O bus lanzadeirá que fará o percorrido desde o aparcamento próximo a Forestal ata o Concello, funcionará o día da Festa do Polbo entre as 11.30 e as 20.00 horas. Nesa xornada reforzarase tamén o servizo de lanchas desde Ferrol, con chegadas e saídas cada hora, entre as 10.00 e as 22.00 horas.