A XXIX Festa do Polbo de Mugardos promocionarase na Feira Internacional "Xantar"

Mércores, 6 de Febreiro de 2019

A cociñeira Nair González, do establecemento Muelle 43, ofrecerá un showcooking o sábado e unha posterior degustación de polbo á mugardesa e empanada de polbo.

R-COCIÑEIRA.png

Mugardos e a súa Festa do Polbo estarán presentes na Feira Internacional de Turismo Gastronómico “Xantar” que se celebra en Ourense desde hoxe ata o domingo. Unha cociñeira da vila ofrecerá o sábado un showcooking no que amosará os segredos da preparación do polbo á mugardesa, a receita que fai famosa á vila, así como da empanada de polbo, que por primeira vez presentarase neste marco. A continuación servirase unha degustación de ambos os dous platos ao público do evento.

Tanto a alcaldesa, Pilar Díaz Otero, como a concelleira de Cultura, Lola González, asistirán á feira, coa que se abre o calendario de promoción da XXIX Festa do Polbo que se celebrará en Mugardos o día 13 de xullo, como sempre o segundo sábado do mes.

Ao igual que o ano pasado, o Concello puxo en mans dun local de hostalería da localidade a realización do showcooking que servirá para dar a coñecer o plato. Desta volta acude ao evento a cociñeira Nair González, do establecemento Muelle 43, a encargada de preparar o cefalópodo ante o público. Desde o Concello agradecen a colaboración desta restauradora, responsable da cociña dun veterán establecemento do porto, para participar á feira.

A Festa do Polbo de Mugardos está considerada de Interese Turístico Galego desde o ano 2009. Como xa pasou o ano pasado, estará presente no stand da Deputación da Coruña da feira Xantar, un encontro especialmente orientado ao público profesional, do sector do turismo e a gastronomía, de Galicia e norte de Portugal.

Fotos do evento:

Aparecen na imaxe: Alcaldesa: Pilar Díaz; Concelleira de Cultura: Lola González; Cociñeira do Muelle 43: Nair González; Deputado Provincial: Xosé Regueira.